A Mostra de Camariñas exaltará a gastronomía local coa degustación de produtos do mar

2 minutes read
  • Serán gratuítas e haberá polbo, rodaballo e caviar de ourizos

Os asistentes á XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña poderán desfrutar de degustacións diarias de diferentes produtos do mar, un proxecto ideado xa no ano 2020 e que buscar exaltar a riqueza da gastronomía local da zona. «O obxectivo é levar a nosa riqueza ao interior da Mostra para que os visitantes coñezan as nosas empresas e o seu produto de calidade», afirma a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro.

O xoves haberá rodaballo cedido por Stolt Sea Farm, o venres polbo de Gallego Pereira, o sábado tamén polbo de Frigoríficos Canosa e na xornada de clausura os asistentes poderán gozar do caviar de ourizos de Pescados Pedreira.

A degustación de polbo e a de caviar de ourizos será nos stands que terá cada empresa no recinto, mentres que a de rodaballo será no bar da Mostra. Todas serán gratuítas, presentando a entrada ao evento, ata acabar existencias.

Por outra banda, Industrias Cerdeimar volverá a instalar o seu propio stand na Mostra, coa que leva colaborando desde fai máis de30 anos.

VodaEncaixe

Por outra banda, desde a Mostra avanzan que este ano haberá un novo espazo no evento: VodaEncaixe, unha zona que se creará no interior do pavillón e onde as parellas que o desexen «poderán deseñar integramente o seu casamento sen saír do recinto», asegura a concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro.

Neste recuncho os asistentes poderán atopar, da man de empresas locais e do deseñador Jose Matteôs, todo o que precisan para organizar unha cerimonia de voda: vestidos de Matteôs Novias, vehículos de Alebura, a Floristería Alecrín, detalles de Agasalla Encaixe Agasalla Amor e a cobertura fotográfica da man de Diego Alonso Fotógrafo.

Ademais, na parede do stand de ‘VodaEncaixe’ estarán os tocados de voda das coleccións que presentaron o ano pasado no desfile de ‘ArtEncaixe’ as artesáns Charo López Atelier, Janet Schulz, Ana Miguens e Viviana Araújo.