A Mostra de Teatro de Malpica celebra o seu 15º aniversario por todo o alto

Puerto de Malpica

  • Contará cun ciclo paralelo de espectáculos en locais comerciais e hostaleiros

A Mostra de Teatro de Malpica cumpre 15 anos e celebrarao con funcións de sala no auditorio do Centro Cívico, pero tamén cun ciclo paralelo de espectáculos en comercios e establecementos hostaleiros da vila que organizou a Concellaría de Cultura.

Con motivo do outono teatral, realizarase un percorrido pola escena galega máis actual e divertida a través de 11 propostas escénicas moi variadas.

Este venres 25 chegará á Malpica Mofa & Befa – Cranios privilexiados … ou crítica da razón perralleira, unha comedia na que participan Josito Porto e Víctor Mosqueira.

O próximo día 1 de novembro o teatro absurdo farase un lugar a través da obra O montacargas (The Dumb Waiter). Unha obra para público adulto, como tamén o é Idiota, unha comedia negra que poderá verse o 8 de novembro e cuxos protagonistas son Machi Salgado e Susana Sampedro

Papar sen cancelas, dirixida por Diego Rey, achegará a comedia e a improvisación ata a vila malpicá o próximo 15 de novembro.

Malasombra Producións ofrecerá para todo os públicos Os fabulosos cleaners, un auténtico espectáculo de pompas de xabón. E seguindo con máis especátulos, aínda que esta vez de xénero musical, o 29 de novembro Andrea Bayer e Davide González presentarán Puño puñete, unha obra para perfecta sobre todo para os máis pequenos.

A nena e o grilo máis aló tamén forma parte do teatro musical infantil e nel participan os actores e actrices de Teatro Ghazafelhos (Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas). A súa presentación será o 6 de decembro.

Paralelamente, este ano haberá a oportunidade de asistir a outros espectáculos fóra do auditorio do Centro Cívico grazas á colaboración de comercios e locais de hostalaría da vila. O programa do Ciclo Ruada é o seguinte:
• 11 de novembro (22.30 horas). Pub Leño. Monólogo de Pepo Suevos
Público preferente: Adulto
• 23 de novembro (23.00 horas). Submarino Bar. Monólogo de Oswaldo Digón
Público preferente: Adulto
• 24 de novembro (12.30 horas). Librería Míguens. Paula Carballeira presenta O río da bruxa
Público preferente: Infantil / familiar
• 1 de decembro (12.30 horas). Escola Surf A Mar. O Mago Álex presenta De ilusións tamén se vive
Público preferente: Infantil / familiar

Todos os espectáculos son de balde. O Concello de Malpica conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña na organización da XV Mostra de Teatro.