A Mostra de Teatro Labarta Pose de Zas pecha as cinco obras que se representarán na súa novena edición

2 minutes read

Tras unha difícil deliberación con preto de medio cento de propostas, o xurado da Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose elixiu xa as cinco obras que conformarán o programa desta novena edición. O listado elixido compóñeno Alimañas (Gargallada Teatro), Deus non quere calderilla (The-Sastre Teatro), Operación Barranco (Vagalume Animación), Dona Clara (Teatro Ollomao) e Un fiambre, unha rosca e un cancan (Asociación Cultural Faiscas). En total, serán unha traxicomedia e catro comedias, entre elas, unha negra e outra de enredo. As representacións terán lugar os sábados 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño, mentres que o 27 de xuño terá lugar o acto de clausura e entrega de distincións.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, agradeceu o incrible labor realizado polo tribunal, “especialmente tendo en conta que nesta edición batemos un auténtico récord en cifras de participación”. Neste sentido, fixo extensivo o seu agradecemento ás compañías que presentaron os seus traballos polo “esforzo e talento que demostraron”. Como apunta o rexedor, a selección resultante “permitirá ofrecer alternativas para todos os gustos e públicos e, sobre todo, axudaranos a seguir sendo un referente de teatro afeccionado”.

Pola súa parte, un dos representantes do xurado, Ricardo Vigueret, destacou o esforzo que supuxo “a escolla de só cinco obras entre as 48 que se presentaron ao certame”. Vigueret incidiu, ademais, na “calidade das obras propostas, así como na creatividade e frescura dos textos engadido á calidade das interpretacións e á coidada posta en escena de moitas delas fixeron que fose moi difícil a selección das gañadoras”. O representante do tribunal confía en que o público se “sorprenda coas obras e doce durante as cinco semanas que dura a mostra”.

Gran variedade de propostas e xéneros

As funcións que se representarán estarán interpretadas por compañías de diversos puntos de Galicia: O Barco de Valdeorras, Ourense, Carballo, Barreiros (Lugo) e Barrañán. Unha mostra da ampla representación territorial que se rexistrou nesta convocatoria. A cidade da Coruña encabezou a lista con sete propostas, seguida de Ourense con seis e Vigo con catro. Santiago de Compostela suma tres obras, mentres que localidades como Cambre, Arteixo, Pontevedra, Lugo ou Nigrán contan con dúas propostas cada unha. O resto das candidaturas chegan de concellos como Barco de Valdeorras, Ortigueira, O Carballiño, Carballo, Mugardos, Barreiros, Palas de Rei, Bergondo, Corcubión, Vilagarcía de Arousa, As Pontes de García Rodríguez, Foz, Barrañán, Cuntis, Ferrol, Santa Comba, Narón, O Porriño ou Vilanova de Arousa, entre outros, o que amosa unha participación moi repartida por todo o territorio galego.