O presidente da Deputación avanzou que teñen a intención de seguir colaborando nun evento que este ano celebra a súa XXX edición
Representantes da Mostra do Encaixe de Camariñas e do propio Concello acudiron ao Salón de Plenos da Deputación da Coruña para entregar un detalle como símbolo de agradecemento polo seu apoio. Os concelleiros Encarna Liñeiro e Sergio Caamaño obsequiaron cun presente ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, quen avanzou que «a nosa intención é seguir colaborando nun evento que é a proba de que a nosa artesanía e manufactura ten moita cabida neste mundo, cada vez máis tecnificado».
Tamén se depositou un detalle na butaca de cada deputado antes do inicio da sesión. De feito, José Manuel Pequeño e José Ramón Rioboo amosaron as paxariñas realizadas con encaixe que mostran «a versatilidade da súa aplicación».