A mostra en homenaxe a Xela Arias “Asinamos ser libres” chega á Coruña


Asinamos ser libres xa se pode ver na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, inclúe referencias á infancia de Xela Arias, situando como os seus espazos vitais Sarria e Lugo, onde naceu e pasou parte da súa infancia, e Vigo, onde chegaría con sete anos para ficar. Tamén reflicte como o contexto de efervescencia política e cultural da década dos 80 marcou a súa adolescencia e paso á vida adulta.
Canto á súa actividade poética, afóndase nos seus inicios, nos soportes nos que publicou e nas influencias do contexto literario e sociopolítico do momento. A mostra recolle ademais a súa faceta no eido da tradución, no que foi pioneira, e a conxugación do seu texto coa imaxe a partir da súa relación co fotógrafo Xulio Gil e que deu como froito o traballo Tigres coma cabalos.

Outro dos episodios destacados neste achegamento á figura de Xela Arias é o da maternidade, cuxa relevancia quedou patente no seu libro Darío a diario, e a publicación do seu derradeiro poemario Intempériome, que tamén conxugou con outras linguaxes, neste caso a musical. O repentino falecemento da autora e o seu legado pechan o amplo percorrido vital e profesional que pode visitarse xa na Biblioteca Pública da Coruña.

Asinamos ser libres arrincou o pasado maio na biblioteca Ánxel Casal, en Santiago, e percorreu os centros bibliotecarios da Xunta en Pontevedra e en Lugo, así coma outros espazos de Vigo, Ourense, Sarria e Outes. Tras o seu paso pola Coruña, a mostra continuará a súa itinerancia ata fin de ano pola biblioteca da Xunta en Ourense, a Casa da Cultura de Boiro e a Fundación Curros Enríquez-Casa dos Poetas do concello ourensán de Celanova.