A mostra «Facer Camiño» inicia a súa andaina

1 minutes read

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, inauguraron no Museo do Mar de Galicia a mostra Facer Camiño, unha exposición itinerante na que se asocia a arte co Camiño de Santiago que, logo da súa estadía viguesa, percorrerá as restantes cidades galegas e as vilas de Tui, Cee e Mondoñedo concellos asociados ao territorio histórico das rutas xacobeas.

A comisaria da mostra, Asunta Rodríguez, realizou unha escolma de 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela e á peregrinación xacobea de autores como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco. En concreto, a exposición acolle obras de Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.