A mostra ‘Nós somos elas’ remata en Laxe a súa itinerancia na Costa da Morte


A mostra fotográfica ‘Nós somos Elas’, promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, recala en Laxe, cerna do Arquivo Vidal, remata así a súa itinerancia na Costa da Morte.

Os Vidal foron retratistas da vida cotiá de Laxe e toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras. Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ao seu obxectivo. O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en “Nós somos elas”.

A exposición, que fora inaugurada na Coruña, pasou xa polos os concellos de Malpica, Ames, Zas e Oroso. Tras o seu paso por Laxe, rematará definitivamente a itinerancia en San Sadurniño.

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño visitou a mostra instalada, desde o pasado 1 de xullo ata o 31 de agosto, no Paseo Marítimo de Laxe, acompañada polo alcalde, José Luis Pérez, pola concelleira de Cutlura, Raquel Lema, por membros da corporación municipal, e pola presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo.