A moucha Anacleta preséntase en Cerceda como un proxecto en favor do medio ambiente

1 minutes read

A Moucha Anacleta chega ao municipio cercedense coas  ideas ben claras de preservación e posta en valor do medio natural, da relevancia da reciclaxe e do importante que é educar en base o respecto do noso Planeta desde ben pequenos e pequenas.

Foi no Auditorio Municipal, no que se deron cita as nenas e nenos protagonistas do proxecto, as familias, a propia moucha, o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e as concelleiras Cristina Capelán e Catrina Queijo.

Proxectouse un vídeo que reflicte os puntos chave dunha iniciativa que vén para quedarse, na que se vencella a Cerceda con esta tan singular ave. Cabe recordar que no municipio existe un Museo do Moucho con máis de 5.000 pezas e inaugurado no 1994.

Todas as rapazas e rapaces que así o quixeron puideron retratarse con Anacleta. A figura da moucha Anacleta, estará presente a partir de agora nas citas relevantes de Cerceda.

As concelleiras quixeron dar as grazas “a todas e todos os presentes por acudir a un acto que é o punto de saída a un proxecto moi bonito, participativo e inclusivo”, dixeron.