‘A Muiñeira dos Queixas’, peza elixida para o XXXV Día da Muiñeira de Arteixo

2 minutes read

Na Asociación Xuvenil Xiradela xa teñen todo listo para recibir en Arteixo este domingo a 282 persoas dispostas a sumarse ao seu Día da Muiñeira. En total serán 12 asociacións e 32 grupos os que dancen ao son da peza elixida este ano que é ‘A Muiñeira dos Queixas’.

Este ano fai un número redondo. O Día da Muiñeira que organiza a A.X. Xiradela alcanza a súa 35ª edición en 2023. Ano tras ano en terras de Arteixo xúntanse bailaríns chegados de diferentes puntos da comarca. Este ano duplícase o número de asociacións con respecto ao 2022 e con iso tamén o número de participantes.

En concreto os grupos que se suman ao XXXV Día da Muiñeira de Arteixo son doce: A.C. Ou Castro (Miño), A.C. Xacarandaina (A Coruña), CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP Arteixo (Arteixo), CEIP Galán (Arteixo), A.C. Nemeth (Carballo), Sociedade Recreativa San Xoán de Calo (Teo), Agrupación Folclórica Folliñas (Oleiros), A.C. Santa María de Toras (A Laracha), A.C.D. Garrulaxe (Cecebre – Cambre), Grupo de Baile e Gaitas Santaia (Oleiros), así como o organizador A.X. Xiradela (Arteixo).

A cita terá lugar o vindeiro domingo 11 de xuño ás 18:00 horas no Paseo do Balneario. No recinto iranse colocando os diferentes grupos, que terán reservado un espazo concreto, un cadrado no que desenvolverán logo a súa proposta para bailar ‘A Muiñeira dos Queixas’. Cada un deles é libre de elixir os puntos e voltas que integrarán na súa posta en escena.

A muiñeira elixida recolleuse en Cerceda

Como é habitual no Día da Muiñeira a peza seleccionada, nesta ocasión ‘A Muiñeira dos Queixas’, bailarase tres veces con descansos entre cada representación. Este tema recolleuse ao cuarteto ‘Os Queixas’ da parroquia de Queixas en Cerceda. Este grupo estaba liderado polo gaiteiro Manuel Gende. Nesta cita dominical, organizada pola A.X. Xiradela colaboran o Concello de Arteixo, Vegalsa, Comercial Sánchez Vados, así como a Policía local e Protección Civil do municipio arteixán.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?