A muller, protagonista da campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián en Malpica


  • Os panos de romeiro, de cores rosa e morado, e unha campaña contra a violencia sexual son dúas das accións programadas

O Concello de Malpica revelou esta fin de semana o cartel da Romaría de Santo Hadrián, ademais de varios motivos polos que este ano a festa vai a ser máis especial. Un deles é a data, xa que este ano o día grande coincidirá o propio domingo 16 de xuño, e outro é o novo aspecto exterior que loce a capela, que vén de ser completamente reformada. Pero, sobre todo, vai ser especial porque a gran protagonista da campaña anual de promoción como Festa de Interese Turístico será a muller.

Este ano, os panos de romeiro, que tan boa aceptación e tanta demanda teñen, son de cor rosa, que simboliza a loita contra o cancro de mama, e a estampación é de cor morada, emblema da loita contra a violencia de xénero. As persoas que queiran manifestar a súa solidariedade levándoos anudados ao pescozo no día grande da romaría poden recollelos a partir do martes 11 nas oficinas municipais do Centro Cívico, de balde e ata fin de existencias.

O Concello tamén se suma á campaña autonómica AgresiónOff, orientada a sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Durante a festa instalarase un posto informativo no que se ofrecerá material impreso con información útil, ademais de chapas e outro material promocional co obxectivo de dar visibilidade a este importante problema social.

A campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián, na que colaboran a Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Abanca, tamén inclúe cartelería, promoción e animación musical durante a sardiñada. O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, realizaron a presentación do material, que tamén se está a distribuír no stand do Concello de Malpica en Festur.

Nos últimos catro anos realizaron diferentes accións de promoción, desde un vídeo ata campañas publicitarias en televisión.