A muralla de Lugo acollerá este luns unha visita comentada


A actividade realizarase a partir das 17.00 horas, con saída desde a Delegación Territorial da Xunta en Lugo; está aberta a todas as persoas interesadas e será dirixida polo xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Roberto Pena, e o arqueólogo Rubén Darío Álvarez.

Os técnicos exporán detalles sobre a musealización da galería atopada durante as obras de restauración do Cubo VI, xunto á porta do Bispo Odoario; as escaleiras romanas exhumadas no Cubo XIX, e interesantes achados debidos a outras actuacións como as dos Cubos VII e LXXX ou a da Porta Miñá, proxectos que sumaron preto de 1,2 millóns de euros de investimento.

Ademais, informarán dos traballos de mantemento e conservación ordinaria que se levan a cabo na muralla. Ao respecto, desde a primeira semana de marzo estase retirando a vexetación dos paramentos co obxectivo de finalizar o próximo mes, antes da chegada da colonia de cirrios que aniña neles.

No caso de que a climatoloxía impedira realizar o percorrido polo adarve, realizaríase unha sesión informativa no salón de actos da Delegación Territorial contando co abundante material gráfico recompilado durante as actuacións.