- O evento musical cumpre 22 anos e consolídase coma un dos festivais independentes en pequeno formato a nivel galego
O Xiria Pop cumpre 22 anos, e consolídase coma un dos festivais independentes en pequeno formato referencia en Galicia. Este venres e sábado a sala Dublín encherase de música, con bandas de diferentes lugares do país, xa que está confirmada a presencia de seareiros de Mallorca e de Asturias, entre outros puntos de España.
Sete bandas referendan a calidade do Xiria Pop ano tras ano, nun cartel encabezado polos Rockfiles, La Granja e Gutara Kyo. E todo, como sempre, a prezos de saldo: 10 euros a entrada diaria, 15 euros o abono para as dúas sesións.
Completa o programa a presentación dun libro de poemas que ten non pouco de musical, Mudanza, do carballés Xurxo Chapela; o venres, no Casino, ás 20.30 horas.
«Este ano iamos traer oito grupos, pero ao final caeu un por desilusión da xente, penso eu», comentou o fundador e organizador do festival desde a súa primeira edición, Xabier Graña, quen estivo acompañado polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na rolda de prensa de presentación do evento celebrada durante a mañá deste martes na casa do concello.
Abrirán o Xiria Pop 2019 os vigueses Basanta, unha banda impactante na súa estética, que, explicou Graña, «veñen de recibir o galardón ao mellor disco do estado nos premios PopEye».
Logo dos Basanta será a quenda dos Surfin Burritos, de Barcelona, «unha banda de músicos xa veteranos», dixo Graña, «que trouxemos adrede para que tocasen antes do grupo que os relevará no escenario, os británicos Billy Bremner’s Rockfiles. Billy Bremner é un un guitarrista, tamén de sesión, que tocou con media Inglaterra e que en Carballo fará un repaso completo dun disco histórico no rock and roll, Seconds of Pleasure, dos Rockpile, combo mítico no que Bremner coincidiu con algunhas da grandes estrelas da guitarra de todas as épocas, como Dave Edmunds e Nick Lowe».
Pecharán a noite do venres La Granja, e o sábado empezarán tocando os Superser, de Cedeira, unha banda que tivo moito éxito no Festival Noroeste da Coruña, e seguiralle La Secta, «un grupo de Bilbao dos anos 90; un grupo fantástico, que no seu momento non tivo moita sona, eran máis de culto, pero que ultimamente están tendo máis repercusión». Pecharán o festival os xaponeses Gutara Kyo, dos que Graña manifesta que van a ser una das sensacións desta edición.
Graña rematou falando da importancia da colaboración do Concello de Carballo para a supervivencia do Xiria Pop: «Sen a implicación do Concello non habería Xiria Pop. É un festival cun custo moi axustado, moi baratiño, 15.000 euros este ano, pero en calquera caso hai que pagar o son, os hoteis, as ceas, haille que pagar aos grupos; todo suma».
Programa na Sala Dublín
VENRES (horarios aproximados)
Basanta (22.00), The Surfin Burritos (23.00), Billy Bremner’s Rockfiles (00.15), La Granja (01.30).
SÁBADO (horarios aproximados)
Superser (22.00), La Secta (23.00), Gutara Kyo (00.30).