A ‘nebria das praias’, o novo símbolo medioambiental do litoral carballés

Cedida

  • A escultura, realizada polo artesán Fabián Lage, instalouse esta fin de semana no Castrillón, Lema

O litoral carballés conta cun novo símbolo da sustentabilidade na zona: a ‘nebria das praias’, unha escultura realizada polo artesán Fabián Lage coa forma deste particular escaravello. Xunto coa figura da píllara, instalada no ano 2019 en Razo; e do golfiño, realizada no ano 2020 e situada na Pedra do Sal, esta nova escultura forma parte da fauna da costa carballesa, convertíndose nun novo símbolo a favor da loita por salvar o medio ambiente.

A inauguración deste elemento tivo lugar esta fin de semana no miradoiro de Santa Irene, en Castrillón-Lema. Como nos anteriores, na súa elaboración reutilizáronse materiais de distintas procedencias. O corpo do xigantesco insecto, de case unha tonelada de peso, está formado cos troncos de dúas árbores enfermas que houbo que cortar na Milagrosa. As patas están feitas con restos dos antigos enreixados de cor vermella que había no xardín da Praza do Concello, e o resto son anacos de metal vello e oxidado. O artista incidiu na urxencia de tomar medidas para evitar «un futuro apocalíptico ou a extinción».

Ademais do autor da escultura, á presentación asistiron a concelleira Maruxa Suárez e as persoas participantes na ruta para coñecer a flora e a fauna de Baldaio que realizou o Grupo Naturalista Hábitat dentro do programa ‘Eu quero Razo-Baldaio’. Jorge Ramos, guía da entidade ecoloxista, salientou a elección da ‘nebria das praias’ porque «non debe haber moitas esculturas de escaravellos en todo o territorio nacional nin en Europa». Tamén explicou que esta especie está presente en distintos puntos de Europa e mesmo no norte de África, e é algo que «nos ten que unir a prol da conservación da natureza, de espazos coma este de Razo-Baldaio, que son moi emblemáticos pero tamén moi fráxiles».

Sen embargo, Ramos tamén fixo fincapé en que «a limpeza excesiva das praias está acabando coas pulgas e coa nebria das praias, que se alimenta delas», polo que é necesario conservar o medio ambiente e aos que habitan nel. «Baldaio non é un parque infantil, senón un ecosistema», subliñou.