A nova campaña de Aceites Abril céntrase, entre outros, no Entroido da parroquia carballesa de Oza

  • O Entroido de Oza eríxese como un baluarte da recuperación etnográfica na comarca de Bergantiños, grazas ao labor da asociación A Escola do Alpendre.

Aceites Abril presenta a súa terceira iniciativa consecutiva dedicada ao Entroido e volve poñer o foco nunha das celebracións máis singulares do calendario cultural galego, entendida como expresión de identidade, memoria colectiva e creatividade popular.


A campaña pon en valor novas manifestacións do Entroido de Galicia, desde as máis coñecidas ata aquelas tradicións locais que seguen transmitíndose de xeración en xeración. Nesta edición, Aceites Abril colabora con seis Entroidos representativos do territorio galego, cada un con identidade propia e un forte arraigamento comunitario: o Entroido de Oza de Bergantiños (A Coruña) e os seus personaxes, varredoiro, ghalán e choqueiro; o Entroido Ribeirao (Lugo), cos personaxes do volante e o maragato; o Entroido de Aguasantas (Pontevedra), protagonizado pola lanuxe e a vella; o Entroido de Xinzo de Limia (Ourense), co Domingo Oleiro e o xogo das ondas; o Entroido de Sarreaus (Ourense), representado polo vergalleiro; e o Entroido de Sande (Ourense), coa figura da bonita de Sande.


Tras as colaboracións desenvolvidas en 2024 e 2025, esta nova edición consolida unha liña de comunicación propia que conecta gastronomía, territorio e tradición, reforzando o vínculo da marca cos costumes que forman parte do día a día en Galicia. O Entroido, coa súa diversidade de rituais, personaxes e celebracións, convértese así nun fío condutor para falar de cultura viva e da importancia de preservar aquilo que nos define.


Con esta iniciativa, “reforzamos a nosa aposta por unha comunicación que vai máis aló do produto, aliñada co noso propósito de marca e cunha forma auténtica de entender a gastronomía ligada á orixe, á calidade e ás persoas” -afirman- “tentamos poñer en valor as nosas raíces, darlles visibilidade, cunha mirada respectuosa e contemporánea que busca achegar estas celebracións a todos. O Entroido non é unha postal do pasado, senón unha celebración viva que segue evolucionando”, explican desde a área de márketing da compañía familiar ourensá.


O Entroido galego vive un momento histórico tras a súa declaración oficial como Ben de Interese Cultural (BIC) no pasado mes de marzo. Este recoñecemento da Xunta de Galicia, avalado polo Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, pon en valor o seu profundo arraigamento histórico e o seu papel crucial na cohesión social e a identidade do país. A distinción abarca a celebración na súa totalidade, destacando que máis do 60% dos concellos galegos manteñen un festivo local vinculado a esta tradición viva. Así mesmo, o decreto subliña o vínculo indisoluble do Entroido coa máscara e a gastronomía, piares fundamentais que garanten a pervivencia deste patrimonio inmaterial único no mundo.


Somos de Entroido


O concepto creativo, desenvolvido internamente pola empresa, pon de novo en valor o patrimonio inmaterial de Galicia e o esforzo, moito veces anónimo e desinteresado de asociacións culturais, agrupacións e veciños como figuras crave e verdadeiros artífices do mantemento, xeración a xeración das nosas tradicións.
A campaña xa se pode ver en ata oitenta pezas gráficas para exteriores e mobiliario urbano, medios dixitais, prensa escrita e dixital e redes sociais reforzando a presenza de Aceites Abril nun momento clave do calendario festivo e cultural.


Entroido de Oza de Bergantiños – A Coruña


O concello coruñés de Carballo eríxese como un baluarte da recuperación etnográfica na comarca de Bergantiños, grazas ao labor da asociación A Escola do Alpendre. Este colectivo de sesenta persoas traballa desde 2016 co obxectivo de recuperar a esencia do entroido tradicional, fuxindo dos disfraces comerciais para confeccionar artesanalmente vestimentas que case desapareceran. Esta celebración fundaméntase na espontaneidade e nunha estrutura social satírica onde os personaxes interactúan coa veciñanza de formas moi diversas. A xerarquía da festa encabézaa o ghalán, unha figura que viste de branco con cintas de cores e que representa os estamentos altos, recibindo a pleitesía simulada do resto dos participantes que se apartan ao seu paso, coméntanos Ramón do Serrador, de “A Escola do Alpendre” de Oza.


Fronte á pulcritude do ghalán, o entroido de Oza desprega outras figuras máis irreverentes e populares: o choqueiro e o varredoiro. O choqueiro, cuberto con follas de millo, encarna ao «pesado» da festa, cuxa función é «trolear», provocando os veciños con toxos, xestas e lanzando fariña ou a borralla. Pola súa banda, o varredoiro representa a estética da pobreza, vestindo roupas vellas e levando o rostro zafado coa borralla dos fornos de pan. Este personaxe mudo percorre as casas pedindo esmolas ou alimentos como filloas ou rosquillas, establecendo un xogo de identidade cos veciños, quen debe adiviñar quen se oculta tras o disfrace analizando os seus xestos e a súa forma de camiñar. A través deste conxunto de ritos, a comunidade de Oza non só recupera os seus traxes históricos, senón que mantén viva unha forma de entender a festa baseada na burla, a hospitalidade e o orgullo da identidade bergantiñá.

Related posts

O BNG acusa ao PP da Xunta de deixadez e inacción para solucionar os asolagamentos da lagoa de Traba de Laxe

O concurso de disfraces de Entroido da Laracha repartirá ata 5.000 euros en premios

Oito empresas presentan ofertas á Xunta para o cambio de cuberta do CPI O Cruce de Cerceda