A nova cepa covid esborralla o IBEX 35


O IBEX 35 esborrallouse este venres un 4,96%, a maior caída desde o 11 xuño de 2020, polo pánico desatado entre os investidores ante a nova variante do coronavirus detectada en Sudáfrica, denominada Ómicron, que a Organización Mundial da Saúde (OMS) cualificou de «preocupante».

Deste xeito o principal índice da Bolsa de Madrid, que pechou nos 8.402,70 puntos, reduciu ata o 4,07% as ganancias acumuladas no que vai de ano. Os valores turísticos foron os máis penalizados tras a aparición dunha nova variante do coronavirus en Sudáfrica, máis contaxiosa que as anteriores, que levou a varios países para paralizar o tráfico aéreo cara ao sur do continente negro.

Todos os mercados europeos pecharon a sesión con fortes caídas. O CAC 40 da Bolsa de París, perdeu un 4,75%; o FTSE MIB de Milán, un 4,6%; o DAX de Frankfurt, un 4,15%; e o FTSE 100 londiniense, un 3,64%.