A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo unha reunión informativa cos veciños beneficiados pola concentración parcelaria de Baltar-Golán-Grobas, que reestruturará 1.117 hectáreas do concello de Melide, na provincia da Coruña, propiedade de 335 titulares. Para levar a cabo esta concentración, a Xunta ten previsto un investimento de algo máis de 3,3 millóns de euros que beneficiará máis dunha vintena de explotacións da zona.
Así, este proceso forma parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Cabe sinalar que estes decretos decláranse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Para isto, a Consellería do Medio Rural ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación.