A nova escola infantíl de Coirós terá capacidade para 75 alumnos

Foto: Moncho Fuentes.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e o alcalde de Coirós, Francisco Quintela, visitaron as obras da nova escola infantil que está construíndo a Xunta neste concello co obxectivo de atender a demanda de escolarización. As obras foron adxudicadas por 719.000 euros e está previsto que rematen antes do verán. Nestes momentos, como puido comprobar o delegado, xa está rematada a estrutura e a tabiquería do edificio e as obras avanzan ao ritmo previsto.

O novo centro, que terá capacidade para 75 alumnas e alumnos de 3 a 6 anos, contará con 3 aulas cos seus correspondentes aseos, sala de usos múltiples e psicomotricidade, patio exterior cuberto, sala de profesores, varios despachos e un local para a asociación de pais.

Neste momento o concello de Coirós xa conta con outras dúas escolas de educación infantil en funcionamento, pero o novo edificio porá a disposición dos veciños instalacións moito máis operativas e axeitadas tanto para o alumnado como para o profesorado.

A nova EEI de Coirós estase a construír nunhas parcelas do polígono de vivendas de Pedrapartida, que o Concello puxo a disposición da Consellería con todos os requisitos urbanísticos en orde, así como coas infraestruturas necesarias como é o abastecemento de auga, subministro eléctrico, saneamento e rede de sumidoiros. deste xeito, sitúase nun entorno natural que permite a interacción dos nenos coa natureza.