A nova Lei de loita integral contra os incendios forestais comezará a súa tramitación en outubro


O conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou no Parlamento que a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais comezará a súa tramitación o vindeiro mes de outubro.

Neste contexto, o conselleiro apelou unha vez máis ao consenso parlamentario na loita contra o lume, demandando cooperación, traballo e entendemento a todas as forzas políticas e administracións implicadas. E reiterou o compromiso do Goberno galego a prol dun labor conxunto, de facer política real e de poñer a Galicia por riba de calquera outro interese nesta cuestión.

Así, neste sentido, González sinalou a oportunidade de lexislar “en consenso” no desenvolvemento desta nova Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia. Unha norma que -salientou- avanza xa en colaboración cos profesionais do Servizo e cos seus representantes, así como incorporando todas as recomendacións da Comisión parlamentaria creada tras os lumes do 2017 e as conclusións do Grupo de expertos independentes.

Tamén en relación con esta lei, o conselleiro amosou o seu convencemento de que a súa aprobación traerá consigo un avance na necesidade de concienciar ao resto das administracións autonómicas -nomeadamente as deputacións- da dimensión deste problema e de implicarse realmente na loita para facerlle fronte. Por iso, o conselleiro pediu novamente un pacto político para afastar os incendios da loita partidista, apoiando as medidas estruturais acordadas e implementando outras novas apoiadas entre todos, co fin de converter ao territorio galego nun país moito máis resiliente fronte aos incendios forestais.