A nova praza de Baio xa é a “Praza Jorge Mira Pérez”

2 minutes read

O nome é xa oficial despois de que este sábado ás 12:00 horas se celebrara na Casa do Concello de Zas un Pleno Extraordinario no que a Corporación Municipal aprobou por unanimidade o nome da praza. Foi un nome acordado entre o BNG e o PP, os dous grupos con representación municipal que se fixo público no mes de xaneiro, pouco despois do acto de inauguración da praza.

A Praza Jorge Mira Pérez ocupa un espazo de case 6000m2 e está situada en pleno casco urbano de Baio ao carón do paseo fluvial. Deseñouse seguindo as tendencias urbanísticas actuais: 100% accesible, diáfana e sostible.

“Cando inauguramos a praza faltábanos o nome e os dous grupos coincidimos en que Jorge Mira Pérez era a persoa ideal tanto por ser un referente único en numerosos eidos académicos, sociais e culturais;  como polo seu compromiso con Baio, co Concello de Zas, en con toda a Costa da Morte; e tamén polo seu compromiso coa lingua a coa xente”, destacou o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín. “O único contra co que nos atopamos é que está vivo”, sinalou o rexedor, xa que é pouco habitual que se lle adiquen prazas ou rúas a persoas vivas. Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular de Zas, David Gómez, sinalou que “Jorge é a persoa máis axeitada para darlle nome á praza tanto por todos os seus méritos como por presumir sempre de onde é, tamén polo feito de que se homenaxee en vida a unha persoa e non a título póstumo, como é o habitual”. 

Unha vez rematado o trámite oficial, a Corporación Municipal e o propio Jorge Mira Pérez desprazáronse ata nova praza situada no centro de Baio. “Tiven moita sorte na miña vida investigadora e académica onde acadei moitos premios. Pero ningún comparable con isto. É alucinante”, sentenciou. Ademais Jorge quixo agradecer a toda a Corporación Municipal do Concello de Zas que tomaran a decisión de forma unánime. 

Máis de 100 persoas de Baio e toda a comarca participaron no acto. Entre eles estaban amigos e familiares de Jorge Mira que aproveitaron o momento para darlle os parabéns.

Asistentes ao acto.