A nova praza verde transformará o cruce dos Concheiros

Foto.- Xoán Crespo.

A nova praza verde de 6.000 metros cadrados que transformará o cruce dos Concheiros e permitirá compaxinar o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos que se achegan a Santiago polo Camiño Francés cun tráfico fluído e seguro para os veciños desa zona estará lista no inicio do Xacobeo 2021, logo dun investimento da Xunta de preto de 3 millóns de euros.

Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, durante a supervisión das obras de mellora e integración paisaxística que están en plena execución neste ámbito do Camiño Francés, entre a avenida de Lugo e o cruce dos Concheiros.

Trátase, segundo destacou Ethel Vázquez, dunhas obras de remodelación “complexas e de moita entidade”, unha das principais actuacións e quizais a “máis singular” das previstas pola Xunta no marco da estratexia de mellora e integración paisaxística dos Camiños de Santiago á súa entrada en Compostela.

Esta intervención “integral e ambiciosa”, en palabras de Ethel Vázquez, ten por obxectivo facer do nó de Concheiros unha zona na que a Ruta Xacobea sexa máis identificable para o peregrino, buscando darlle a continuidade que se viu truncada cando se executou a avenida de Lugo a modo de rolda urbana; ademais de reforzar a seguridade e mellorar os tráficos urbanos, pensando na calidade de vida e no día a día dos veciños de Concheiros e das Fontiñas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha