A tempada de pesca deste ano en Galicia comezará o vindeiro 20 de marzo e rematará o 31 de xullo. Así se establece na orde anual publicada no DOG na que se recollen as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas continentais galegas.
Así, no caso concreto do salmón, o período hábil abranguerá desde o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da tempada en función das capturas. Nos tramos compartidos do río Eo e nos coutos do Ulla, o período rematará o 30 de xuño.
A cota de captura establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros (45 cm nos coutos compartidos con Asturias). A ratio anual no río Ulla queda fixada en 30 exemplares; no Mandeo os exemplares serán 5; no caso do río Masma a cota é de 15 salmóns; no Miño fíxase en 8; e no couto de Salmeán, en 10. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
Co obxecto de colaborar na mellora da poboación do salmón nas augas do Ulla, ao igual que se fixo na pasada tempada, cando se capture un exemplar desta especie nos coutos de Ximonde ou Santeles establécese un procedemento de doazón voluntaria para destinalo a reprodución artificial na piscifactoría de Carballedo ou a marcaxe e seguimento da súa migración no río.
En relación cos engados, poden ser naturais autorizados, como as miñocas e quisquillas, ou artificiais, que son elaborados imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar, por exemplo, a mosca artificial, a culleriña e peixes artificiais ou semellantes.