A novela de Rocío Leira protagonista dun encontro literario no IES de Baio

1 minutes read

A novela Cicuta para dous de Rocío Leira foi a protagonista do encontro literario celebrado coa súa autora este luns. Esta novela, gañadora do Premio Jules Verne de Literatura xuvenil do 2022 – galardón que emocionou moito á autora-, é un libro rompedor dentro da literatura galega na que mestura intriga, filosofía e moita retranca.
Iniciouse o encontro coa habitual presentación da invitada realizada por Desirée e Cristina de 4º ESO, curso ao que ía dirixido o acto xunto co de 1º FPB. A autora fixo unha defensa da filosofía por ser unha ferramenta necesaria en tempos de noticias enganosas. Achega unha luz crítica e dota ao pensamento de autonomía para enfrontarse cun mundo incerto e colonizado polo tecnodixital.
O suspense é unha característica inherente da súa narrativa e quixo mesturalo nesta ocasión coa filosofía dun xeito lúdico para aproximala aos adolescentes. Como comentou a escritora esta lectura pretende un lector activo, que vaia cuestionando o que sucede ata chegar á resolución do enigma mesmo antes de que suceda; en definitiva emprega o método socrático: a través das preguntas chégase ao saber. O lector debe resolver xogos, anagramas, códigos…
O acto finalizou cun diálogo entre escritora e alumnado, no que se trataron cuestións sobre a trama: personaxes, espazo….; comentáronse aspectos do pensamento de filósofos que aparecen no libro e o alumnado achegou o seu punto de vista sobre a lectura.
O encontro rematou coa entrega dun pequeno agasallo como lembranza do seu paso polo Centro e a sinatura de exemplares. O IES agradeceu a Rocío Leira as súas reflexións e a súa participación no Mes do Libro.