A novena edición do encontro de artistas novos apoiará a 40 creadores emerxentes

O Gaiás vén de convocar unha nova edición o seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que, co obxectivo de apoiar a arte emerxente e promover a creación contemporánea, ofrece a novos e novas creadoras a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura. Así, un total de corenta artistas emerxentes serán seleccionados para presentar no Gaiás o seu proxecto creativo, ademais de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, convertidas en espazo expositivo non convencional.

Impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, o EAN chega á súa novena edición da man novamente de Rafael Doctor e cun formato xa consolidado no que teñen presentado os seus traballos preto de 600 creadores e creadoras. Recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell participaron nalgunha edición do Encontro cando comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

O programa –a desenvolver entre o 25 e o 29 de agosto– incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os e as corenta participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Ademais terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas cunha importante traxectoria.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha