A obra do hospital Montecelo de Pontevedra acadará o vindeiro mes o noveno andar


A execución do Hospital Público de Montecelo de Pontevedra acadará o vindeiro mes o noveno andar sobre a base de cimentación.

O último andar da torre asoma xa a máis de 40 metros de altura en dúas das tres franxas que conforman a zona de hospitalización.

Dado o progreso dos traballos, tamén se prevé que no próximo mes se remate a totalidade da estrutura do basamento. 

Nas lousas estruturais da “Z” que conforman a zona de hospitalización, a partir da quinta planta onde os piares deben adaptarse á nova forma do edificio, aplicouse unha técnica construtiva novidosa en Galicia.

Esta técnica pioneira, coñecida como “lousa de transición postesada”, converterá a área sanitaria de Pontevedra e do Salnés nun referente construtivo de modernidade e vangarda. O seu emprego confire unha compresión extra ao formigón e actúa como unha segunda cimentación do edificio, sobre a que arrinca o resto das lousas da “Z” da hospitalización.

Os traballos executados ata agora e os volumes de material empregados revelan a magnitude da obra, na que se utilizaron máis de 4 millóns de quilos de aceiro pasivo (incorporado ao formigón), máis de 100.000 quilos de aceiro activo, máis de 75.000 m2 de lousa e 40.000 m3 de formigón.

A partir de agora e unha vez rematado o búnker de radioterapia, nos vindeiros meses acometeranse os traballos estruturais no muro de contención da avenida Montecelo, a zona dedicada a instalacións e dársenas de carga, así como a última franxa da “Z” de hospitalización.

Tamén se avanza no resto de traballos, como solos, tabicaría, fachadas ou instalacións. Ademais levouse a cabo o acondicionamento interno e a definición dos espazos habitacionais e de consultas. A maioría das habitacións ocuparán a torre de hospitalización, serán amplas e disporán de vistas.