O Concello de Cabana de Bergantiños suma no presente curso un total de 1295 inscricións no diverso catálogo de actividades municipais promovido desde o goberno local.
As actividades deportivas seguen a ser a proposta máis demandada con 702 usuarios. O programa conta con numerosas modalidades desenvoltas no mobiliario deportivo municipal que conta con infraestruturas como piscina, ximnasio ou pista polideportiva.
As actividades nas parroquias, postas en marcha coa finalidade de dinamizar o rural cotan con 593 participantes. A gama de propostas inclúe obradoiros de manualidades, cestería, tratamento do coiro, florais, costura e Tics, ademais de actividade física, ioga, impartida no Centro de Maiores, e memoria.
Pola súa parte, as tres escolas municipais tamén contan cunha gran aceptación por parte da veciñanza sumando a de bailes de salón 74 inscricións, a de música 61 e a de teatro 43.
Desde o goberno local celebran “poder darlle continuidade ao traballo levado a cabo durante estes anos e ofrecerlle á nosa veciñanza múltiples alternativas de lecer, tanto culturais como deportivas”. Tamén indican a importancia de poñer á disposición de todas as veciñas e veciños ´”instalacións de calidade acordes ao emprego das mesmas”, motivo polo cal se executaron actuacións nos último tempos como a rehabilitación do local social de O Esto e da Reitoral de Cesullas, ambas en execución, ou as melloras no polideportivo e no ximnasio municipal, entre outras.