A Oficina Técnica da Seca celebrada hoxe adoptou a decisión de aplicar nos sistemas de Zamáns e Baíña, que abastecen aos concellos de Nigrán, Baiona e a unha parte do concello de Vigo, as medidas equivalentes á situación de alerta por escaseza de auga.
Así mesmo, tamén se amplía a prealerta por escaseza de auga ao sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e de Baiona; e ao sistema da Costa de Pontevedra.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que participan tamén Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, e que fixo seguimento da evolución da situación de seca prolongada na que atopa o conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, de competencia autonómica.
Atendendo á evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas bacías da demarcación, os integrantes da Oficina Técnica da Seca constataron a continuidade da anomalía hidrolóxica que se vén advertindo desde principios de ano.
Na xuntanza constatouse que os caudais circulantes continúan en valores inferiores habituais para esta época do ano, un 30% por debaixo da media dos últimos dez anos, observándose un pico moi puntual debido ás choivas rexistradas entre o 12 e o 15 de setembro. Porén, rexístrase unha pequena mellora en relación á última valoración de principios de setembro, onde os caudais estaban un 32% por debaixo da media dos últimos dez anos.
No que se refire á ocupación actual dos encoros de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa sitúase, a data 19 de setembro, no 61,58%, un 13% inferior á ocupación do promedio histórico e un 17% inferior aos valores de 2021.
En canto á meteoroloxía, tras un mes de agosto seco e extremadamente cálido, a chuvia rexistrada na primeira quincena de setembro para o conxunto de Galicia foi un 30% inferior á media climática de referencia.
Non obstante é na demarcación Galicia-Costa onde máis se concentraron as choivas durante o que vai de mes, o que permitiu desacelerar nalgunhas zonas o empeoramento da situación.