A OMS califica de preocupantes os efectos da covid a longo prazo na saúde


A directora técnica da OMS para a covid-19, Maria Van Kerkhove, sinalou este luns que xa non só son preocupantes os casos graves e as mortes por covid-19 no mundo, senón tamén os efectos secundarios da enfermidade en pacientes que xa a superaron. “Só agora empezamos a ver estes efectos en corazón, cerebro, pulmóns ou saúde mental”, engadiu a experta para explicar por que segue sendo importante combater o aumento dos contaxios a pesar de que a mortalidade do coronavirus sexa agora relativamente baixa, de só un 0,6 por cento dos casos. Outra razón, explicou, é o feito de que o virus cambiase o patrón de idade das persoas ás que afecta, agora que os máis novos socializan máis, mentres se conseguiu previr brotes en instalacións tales como as residencias de anciáns, onde houbo unha alta mortalidade nos primeiros meses de pandemia.