- A cifra de mortes na China xa excedeu as 1.000
A Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalou este martes nunha rolda de prensa que aínda se pode previr unha pandemia a nivel mundial polo coronavirus, pero actuando con urxencia. A axencia das Nacións Unidas reuniu a expertos de todo o mundo para acelerar a procura dunha solución médica ao problema.
«Temos unha posibilidade real de deter este brote. Contamos cunha oportunidade […] e debemos ser serios ao tratar de aproveitar a ocasión que temos ante nós. Non deberiamos perder esta oportunidade porque se a perdemos, arrepentirémonos», afirmou Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da OMS.
Segundo os últimos datos, a día de hoxe hai 42.708 casos confirmados de coronavirus na China e xa se excedeu a cifra de 1.000 mortes por este virus que xa ten nome oficial: COVID19.
O doutor Tedros asegurou que o desenvolvemento dunha vacina contra o conoravirus pode levar polo menos 18 meses, polo que recomenda tomar medidas de contención e hixiene e tamén pediu máis acción por parte dos gobernos.