A Once adícalle o cupón do 10 de xullo á Festa do Percebe do Roncudo


Corme repartirá este sábado arredor de 1.000 kg. de percebes durante a súa tradicional Festa do Percebe do Roncudo, que este ano celebra a súa 30ª edición por todo o alto despois de dous anos sen poder festexala. A primeira Festa do Percebe celebrouse o 4 de xullo de 1992. Só se cancelaron tres edicións: unha polo Prestige e as outras dúas pola Covid. Así o explicaba o Patrón Maior, Roberto Vidal durante a presentación dun cupón da Once que vai levar o deseño desta festividade.

O sábado repartirase máis ou menos a mesma cantidade de marisco que en festas anteriores e dará para unhas 2.000-2.500 racións. Vidal contaba que este mércores “só puideron recoller entre 200 e 300 quilos de percebes porque había moi mala mar”, pero asegura que “estos días recolleranse os que faltan porque todo apunta a que vai mellorar o tempo”. Con todo, de momento non se pode falar de prezos porque, di Vidal, “ata que estean todos os exemplares recollidos non se pechan os prezos. Agora, non baixan dos 45€, pero agardamos que baixen a final de semana”.

Este ano, o cupón da Once que se vai sortear o vindeiro 10 de xullo leva o deseño da Festa do Percebe. O delegado territorial da Once, Manuel Martínez amosou a súa ledicia e manifestou que están “encantados de contribuír á promoción e difusión desta festa a través dun instrumento de solidariedade como é o cupón da Once”. Deste xeito, agarda que “a festividade sexa todo un éxito despois de dous anos sen poder levala a cabo” e transmitiulle “os seus mellores desexos” ao pobo.

O alcalde, Xosé Lois García Carballido amosou o seu agradecemento á Once “por axudar sempre aos que máis o necesitan” e felicitouna polo labor que desempeñan na sociedade. Agradeceulle tamén á confraría “todo o traballo realizado para que o sábado cheguemos e teñamos un prato cos mellores percebes do mundo”.

Carballido fixo fincapé en que “a Covid aínda segue aí, pero esta é unha festa segura ao aire libre na que teremos ademais un dispositivo de seguridade especial para controlar os accesos á mesma”. O alcalde está convencido de que “despois de tantos meses, a veda abriuse agora precisamente para que o sábado poidamos gozar dos mellores percebes” e anima a todo o mundo a vir coñecer a que “seguramente sexa a mellor festa gastronómica do mundo”.

Ao remate do acto, o alcalde de Ponteceso e o Patrón Maior recibiron da man de Manuel Martínez unha réplica do cupón orixinal. Á presentación tamén asistiu a tenente alcalde Noelia Varela e varios vendedores da Once da vila.