A onda de ataques rusos deixa sen luz ao 40% da poboación de Kiev

1 minutes read

Rusia lanzou un ataque «masivo» con máis de 120 mísiles contra a capital, Kiev, e outras cidades como Járkov e Leópolis. Na capital polo menos tres persoas resultaron feridas e o 40% da poboación quedouse sen electricidade, mentres que en Leópolis, ao oeste do país, a onda de ataques deixou máis do 90% da poboación sen luz.
Zelenski advertira aos cidadáns ucraínos ante os posibles novos ataques con mísiles rusos e recoñecía que a situación nalgunhas zonas do Donbás, no leste do país, é «dura».

Bielorrusia denunciou a caída dun mísil antiaéreo ucraíno S-300 no seu territorio durante o bombardeo masivo ruso contra a infraestrutura civil de Ucraína. «Este xoves, entre as 10.00 e a 11.00 hora local, detectouse a caída en territorio de Bielorrusia dun mísil ucraíno S-300 procedente do territorio de Ucraína», informou o servizo de prensa do presidente bielorruso, Alexandr Lukashenko. Kiev, pola súa banda, non descarta que o mísil caído en Bielorrusia sexa «unha provocación deliberada» por parte de Rusia para involucrar ao país veciño «na súa guerra», declarou o Ministerio de Defensa ucraíno.

Pola súa banda, Vladímir Putin anunciaba a fabricación de catro submarinos nucleares. Foi por videoconferencia nunha cerimonia militar e o presidente asegurou que os novos sumerxibles garantem a seguridade de Rusia.