Mentres xorden divisións entre altos mandos israelís sobre a estratexia da guerra contra Hamás, a ONU alerta sobre a catastrófica situación en Gaza. Israel cortou case todas as subministracións: alimentos, auga e combustible, e a poboación gazatí enfronta niveis críticos de fame. Só unhas poucas/pouas decenas de camións con axuda entran a Gaza cada día. Antes da guerra había ao redor de 500.
Desde Rafah, Ajith Sunghay, xefe do equipo da Oficina de Dereitos Humanos da ONU para os Territorios Palestinos ocupados, sinalou que reina o caos e a desesperación. «Aquí en Rafah hai un ambiente de pota a presión, no medio dun caos absoluto, dada a terrible situación humanitaria, a escaseza, o medo e a ira xeneralizados».
O xefe da axencia da ONU para os refuxiados palestinos (UNRWA), Philippe Lazzarini, dixo que a ansiedade sobre o futuro é xeneralizada. “Hoxe parecen estar nunha especie de modo de supervivencia automático. Parecen esgotados. Realmente non poden durmir. Vai frío, están na rúa. Hai drons. Sofren bombardeos. Todos están ansiosos, non só pola supervivencia do día a día, senón que, cada vez máis, parece que se trata do futuro», sinalou Lazzarini pouco despois de concluír a súa cuarta visita a Gaza desde o 7 de outubro, na que detectou unha deterioración das condicións.
A desesperación apodérase así mesmo dos palestinos en Cisxordania, afectados tamén pola guerra de Israel contra Hamás. Unha multitude congregouse este venres na cidade cisxordana de Tulkarem para despedir a seis dos oito palestinos que morreron durante un ataque israelí sobre a localidade e o seu campo de refuxiados. Desde o 7 de outubro, as forzas israelís mataron a 367 palestinos en Cisxordania.