A oposición acusa á Xunta de cometer «corrupción en A» para favorecer o lobby enerxético

1 minutes read

Galicia é unha potencia eólica e hai dous modelos para xestionar esa riqueza: poñela ao servizo das eléctricas como fai o PP, ou poñela ao servizo do País como defende o BNG. Posicións antitéticas que a portavoz nacional, Ana Pontón, ilustrou con dúas imaxes na Praza do Obradoiro: unha en abril de 2009 mostra a Feijóo eufórico co presidente de Iberdrola; outra, mostra a miles de galegos e galegas o pasado 5 de xuño contra o boom eólico depredador dos populares.

A portavoz do Bloque sinalou que «a corrupción do PP non é só a B que está na sede de Xénova, senón tamén a corrupción en A» que representa un presidente que actúa de «delegado» das compañías eléctricas «cambiando as leis» para favorecer as grandes enerxéticas «desde o Diario Oficial de Galicia (DOG)».

A día de hoxe hai máis de 4.000 aeroxeradores instalados en 106 concellos, todos no rural, pequenos municipios que levan décadas soportando o custe ambiental sen ver beneficios, que seguen perdendo poboación, perdendo empregos, perdendo servizos e calidade de vida. Os concellos reciben menos do 5% do beneficio eólico e no caso das persoas propietarios das terras non chega ao 2%.