O Concello de Ponteceso celebrou o pasado venres un novo pleno extraordinario, segundo o PP, para autorizar a contratación dun avogado e un procurador que defenda os seus intereses ante unha nova denuncia cursada polo propio alcalde, o socialista Lois García Carballido, e as concelleiras que o apoian, contra o acordo adoptado en pleno de eliminar as dedicacións parciais e exclusivas que posuían ata decembro de ano 2020.
Deste xeito, tal e como asegura o portavoz do Partido Popular, Daniel García Cotelo, o goberno local “que non goberna e só causa problemas e gastos aos veciños”, volverá obrigar aos habitantes de Ponteceso a asumir un gasto provocado precisamente “polos caprichos do alcalde e as persoas que o manteñen no poder”. Para os populares, esta situación “que xa é insostible” merece que tanto o PSOE provincial como o rexional actúen e tomen medidas porque “eles son os únicos responsables do que está a suceder”.
Neste sentido, García Cotelo lembra que os socialistas obtiveron unha ampla maioría absoluta nas últimas eleccións municipais, e que foi o alcalde quen expulsou do goberno a catro dos seus concelleiros, polo que quedou só apoiado por dúas persoas nun goberno “que está a facer moitísimo dano ao noso pobo”.
Pola súa banda o grupo dos non adscritos tamén emitiu unha nota na mesma liña, definindo esta actuación como «o colmo», ademais de afirmar que «o interés dos veciños non está presente, existe o gasto para reclamar o beneficio personal e non adicar esas partidas ao Plan de emprego do que tanto presumiron. Con eses cartos que reclaman estaría en activo esa cuadrilla de persoas que estiveron 6 meses limpando as parroquias, con esa partida podían estar todo o ano. Esa é a realidade» din.