A oposición de Muxía nega as retribucións para dúas tenencias de Alcaldía

1 minutes read

A oposición muxiá, composta polos edís de Independentes por Muxía, Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego negaron en sesión plenaria as retribucións para as dúas tenencias de Alcaldía, que segundo o organigrama do equipo de goberno, sustentan Olalla Benlloch e Javier Romar, quen si terá dedicación exclusiva será o rexedor, Iago Toba contará no seu segundo mandato cunha retribución de 42.420 euros brutos anuais, repartidos en 14 pagas.

Os partidos da oposición aceptaron a iniciativa do PSdeG-PSOE, pero volveron a rexeitar en bloque, con votos en contra, as dedicacións exclusivas para os concelleiros Olalla Benlloch e Javier Romar, nomeados como primeiro e segundo tenente de alcalde respectivamente, ademais de edís de Cultura, Educación e Igualdade e de Obras, Parroquias, Medio Rural e Seguridade.

“Ambos os dous traballaron gratis na anterior etapa de goberno. Xa o demostraron. Agora solicitamos dúas dedicacións exclusivas porque somos firmes defensores de que na política débese cobrar por traballar. É xusto e un xeito de dignificar o traballo que esas persoas teñan unha retribución, por moi pequena que sexa. No Concello de Muxía hai carga dabondo para estas dedicacións e mesmo para máis”, argumentou Toba, que lembrou que simplemente se propón o mesmo que no anterior mandato.

O PSdeG-PSOE muxián propuxo unhas retribucións de 25.200 euros brutos anuais en 14 pagas para cada un. Unhas retribucións que, comparadas con outras dedicacións exclusivas de concellos da contorna son “das máis baixas”. Pero o Partido Popular, Independentes de Muxía e BNG volveron paralizar a aprobación das remuneracións. Algo que non axuda a darlle continuidade ao proxecto de goberno nestas primeiras semanas tras as eleccións municipais.