A oposición de Muxía (concelleiro do BNG, concelleiros do PP e concelleiros non adscritos) decidiron este venres dar as cosas á veciñanza ao non presentarse á derradeira sesión plenaria da lexislatura, que se tivo que anular ao non chegar ao mínimo de quórum esixido.
Entre as importantes propostas do grupo de goberno que foron menosprezadas pola oposición e que sumaban un investimento de máis de 695.000 euros destacan, entre outras, a II fase da creación da rede de abastecemento de auga potable a Suxo; a adquisición de bomba de ETAP Os Muíños; a mellora da accesibilidade de beirarrúas; o pago a provedores; a mellora das rexillas das augas pluviais; o arranxo de depuradoras; o pintado da sinalización horizontal ou a construción do patio exterior da gardería municipal, entre outros.
Minutos despois da sesión plenaria anulada e no mesmo salón de plenos, o alcalde de Muxía, Iago Toba, acompañado polo seu equipo de goberno, Olalla Benlloch e Javier Romar, destacou que “a oposición de Muxía volveu a facer o que mellor sabe, esconderse e ningunear a veciñanza da nosa vila. A oposición volveu a mirar para outro lado e bloquear proxectos e propostas firmes que melloran a calidade de vida de todos os muxiáns e muxianas, non respectando nin se quera o último pleno da corporación”.
“Os membros da oposición, deixando o seu asento baleiro neste derradeiro pleno, non atenderon á responsabilidade do seu cargo, fixeron un ataque directo á democracia e volveron a demostrar coa súa ausencia que non teñen compromiso nin con Muxía nin coa súa xente”, concluíu.