Tal e como aconteceu o pasado venres, a oposición de Muxía (concelleiro do BNG, concelleiros do PP e concelleiros non adscritos) decidiron na tarde deste martes volver a dar as costas á veciñanza ao non presentarse á segunda convocatoria da derradeira sesión plenaria da lexislatura, convocada en tempo e forma e que se tivo que volver a anular ao non chegar ao mínimo de quórum esixido.
No escaso minuto que durou o intento de sesión plenaria, o alcalde Iago Toba, reafirmou o mesmo que o pasado venres e destacou que “ao igual que o pasado venres, este se trata dun pleno totalmente legal, convocado en tempo e forma e polo tanto non entendemos como a oposición renuncia á súa responsabilidade como representantes do pobo de Muxía e volven a tirar por baixo propostas e melloras que quedan agora bloqueadas debido á súa falta de compromiso co seu cargo”.
Segundo as importantes propostas do grupo de goberno que foron menosprezadas pola oposición, afirman que sumaban un investimento de máis de 695.000 euros.
“Ao igual que o pasado venres, a oposición volveu a mirar para outro lado e bloquear coa súa ausencia proxectos e propostas moi necesarias para Muxía. Volvendo a deixar hoxe o seu asento baleiro neste pleno demostraron que nin teñen compromiso con Muxía nin lles interesa o máis mínimo as propostas e proxectos que melloran a calidade de vida da veciñanza”, engadiu o rexedor.