A oposición de Ponteceso denuncia o corte da liña telefónica na escola infantil

1 minutes read
  • Os populares afirman que esta situación vén provocada despois de que «o Concello non aboara durante meses as facturas»

A escola infantil A Galiña Azul de Ponteceso non conta nin con liña telefónica nin con Internet. Unha queixa que realizaron varios pais e da que se fixeron eco tanto o Partido Popular como o grupo dos non adscritos. A oposición denuncia esta situación xa que considera que é unha «inxustiza», tal e como sinala Raquel Fondo, do grupo dos díscolos, sobre todo no momento sanitario actual, onde poder comunicarse cos pais dos pequenos é imprescindible.

Os populares sinalan que esta falta de servizo prodúcese «despois de que o Concello non aboara durante meses as facturas correspondentes». A través do seu portavoz, Daniel García Cotelo, o PP de Ponteceso critica de novo que «a nula xestión de García Carballido provoque o corte de liñas de telefonía públicas», afirmando que «un equipo en minoría e sen dedicación de ningún tipo ao Concello non pode gobernar máis tempo o noso pobo».