A oposición de Ponteceso denuncia o trato «vexatorio» do alcalde á Policía Local

Policía Local de Ponteceso patrullando polo monte_PP Ponteceso

  • Sobre as normas a seguir durante a celebración das festas do Carme establecidas polo Goberno local, o PP considera que estas son «imposibles de cumprir»

O Partido Popular de Ponteceso e o grupo dos non adscritos sumáronse ás queixas interpostas pola Central Sindical Independente e de Funcionarios-CSIF ante o «trato vexatorio do alcalde aos traballadores municipais e, en concreto, aos axentes da Policía Local», destaca o portavoz popular, Daniel García Cotelo.

Segundo denuncia o sindicato, as últimas accións «sinsentido» do rexedor Lois García Carballido pasan pola súa intención de modificar o cuadrante de gardas sen consenso, sen posibilidade de conciliar, e obrigando a realizar traballos durante as fins de semana.

Ante o rexeitamento por parte do persoal, e segundo denuncia o sindicato, como «clara represalia» o alcalde optou por retirar aos axentes o coche patrulla enviándoos a controlar a zona de Niñóns e a praia do Lago a pé. Os axentes foron trasladados ao lugar por un chofer que finalmente os recolleu ao finalizar a xornada laboral, estando estes incomunicados durante toda a mañá ao tratarse «dun lugar sen cobertura móbil».

Ante a denuncia presentada polo sindicato CSIF tanto na Fiscalía como no Xulgado, o grupo dos non adscritos e o Partido Popular mostraron a súa solidariedade cos traballadores para reiterar de novo que a situación que se vive en Ponteceso «é xa insostible», solicitando García Cotelo «altura de miras e responsabilidade política» ao PSOE provincial e rexional.

Festas do Carmen

Este martes o alcalde de Ponteceso emitiu un comunicado sobre as normas a seguir durante as festas do Carme de Corme, que se celebrarán os días 16 e 17 de xullo. Desde o PP aclaran que as normas son «imposibles de cumprir» mentres que a portavoz do grupo dos non adscritos, Raquel Fondo, incide na actitude «ditatorial» de Carballido. «No bando dille aos veciños como teñen que comportarse nunha festividade como é a do Carme en Corme, amosando un grado de irracionalidade sen límites mandando», subliña Fondo.