A oposición de Ponteceso pide reunirse co PSOE provincial para aclarar a situación do POS

1 minutes read
  • Califican ao alcalde como un «victimista», intentando «poñernos aos veciños en contra»

«A situación de Ponteceso é dunha gravidade máxima». Así comeza un comunicado remitido a este medio desde o grupo dos non adscritos, e no que tamén participan o Partido Popular e APIN. Ponteceso é actualmente o único municipio de toda a provincia coruñesa que non conta coa aprobación do POS, perdendo máis de 750.000 euros para actuacións e servizos moi necesarios. Sen embargo, semella que a Deputación, ao ser o de Ponteceso un caso único, dá outra oportunidade para aprobar o POS, xa que o alcalde Lois García Carballido declarou que aínda non estaba todo perdido. «Nós sabiamos que o POS non estaba perdido», sinala a non adscrita Raquel Fondo, «pero quen se pode fiar de alguén (Carballido) que di un día que o POS estaba perdido e agora aparece de novo. Parece o río Guadiana, que aparece e desaparece».

A oposición reclama que o PSOE provincial tome dunha vez cartas no asunto e que o seu líder, Valentín González Formoso, «nos convoque para a reunión solicitada no seu día e nos aclare todos estes puntos para deixar os xogos de agora si, agora non».

Fondo volveu a incidir na «estratexia victimista» por parte do rexedor, buscando así «poñernos aos veciños en contra, como queda aquí demostrado no tema do POS».