A oposición de Ponteceso reclama que se acondicione o Camiño dos Faros

1 minutes read
Playa de A Barda, Ayuntamiento de Ponteceso_Web Camiño dos Faros
  • Segundo o grupo dos non adscritos, varios establecementos hostaleiros fixéronse eco das queixas dos viandantes, que coa maleza teñen dificultades para realizar a ruta

O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo de 200 km que une Malpica de Bergantiños con Fisterra, que ten o mar como o maior protagonista e que pasa por todos os faros e polos principais puntos de interese da Costa da Morte. Unha ruta que cada ano se afianza máis, atraendo a participantes de todas as partes.

Un dos concellos que atravesa o Camiño dos Faros é o de Ponteceso e, neste caso, o grupo dos non adscritos reclama que se acondicionen e melloren as pistas polas que pasan os viandantes, xa que «recentemente chegáronnos queixas dos establecementos que reciben aos camiñantes que lles trasladan o seu malestar polo mal estado da ruta, un camiño cheo de toxos e ás veces con dificultades para recoñecelo pola grande cantidade de vexetación que non permite saber nin onde se poñen os pés», destaca a portavoz do grupo, Raquel Fondo. Ademais, Fondo destaca que este problema tamén afecta á propia hostalería de Ponteceso, achacando que este ano hai menos visitas das agardadas ao «facerse público nas redes sociais, ou por outros medios, o estado da ruta».

«Non vale de nada que o alcalde de Ponteceso presuma da marabillosa ruta que percorre o noso concello se non cumpre co seu compromiso de mantela en boas conducións para os camiñantes», sentencia a voceira dos non adscritos.