A oposición de Ponteceso solicita un pleno extraordinario para unha auditoría e licitar o SAF

1 minutes read

Os concelleiros do Partido Popular de Ponteceso e os non adscritos (expulsados polo alcalde do grupo de goberno) volveron a rexistrar no Concello unha nova solicitude de celebración dun pleno extraordinario para debater diversos asuntos que o rexedor en minoría decidiu no seu momento non aprobar e que a oposición maioritaria considera “vital” tanto para o funcionamento do Concello como para o benestar dos veciños.

“Parece que o alcalde e os seus dous únicos apoios na corporación esquecéronse do servizo público que xuraron ao tomar posesión das súas actas, pero nós non”, asegurou o portavoz popular, Daniel García Cotelo, empeñado en que dunha vez por todas se leve a cabo a auditoría externa que controle o estado das contas do Concello e se licite o Servizo de Axuda non Fogar (SAF) no municipio.

Os edís da oposición afirman que a súa xustificación para solicitar este pleno está na negativa do alcalde para atender as demandas da oposición rexistradas no Concello, así como os seus continuos intentos de torpedear os acordos logrados por maioría nas sesións plenarias incluso recorrendo á xustiza.