O Goberno e a oposición de Chile acordaron na madrugada deste venres unha folla de ruta para dotar ao país dunha nova Constitución, mediante un plebiscito de entrada que preguntará á cidadanía se quere unha nova Carta Marga e que fórmula constituínte prefire: asemblea ou convención.
O acordo para unha nova constitución en Chile aúna ao oficialismo e á maioría da oposición. Ambas partes coinciden en que a redacción dunha nova Carta Magna é a primeira etapa para dar saída á crise social que sofre o país suramericano. O Ministro do Interior de Chile, Gonzalo Blumel, afirmou que “este acordo é un primeiro paso, pero é un primeiro paso histórico e fundamental para empezar a construír o noso novo pacto social”, sinalou. Pola súa banda, o deputado de Converxencia Social Gabriel Boric, lembrou que “Chile ten a posibilidade certa de ser máis democrático e que a partir deste acordo entrégase ao pobo de Chile a capacidade de dicir cal é o mellor mecanismo para ter unha constitución que nos represente a todos e todas”, salientou.