A oposición en Ponteceso: «Presentamos a moción porque non perdiamos nada»

1 minutes read

«A maioría das opcións que tiñamos para liberar o pobo de Ponteceso deste alcalde foron intentadas e loitadas con todas as nosas ansias pero, lamentablemente, a nosa loita non tivo o final que tanto ansiabamos». Así comeza o novo comunicado do grupo dos non adscritos de Ponteceso tras coñecer este luns que a secretaría municipal non daba por válida a moción de censura contra o alcalde socialista, Lois García Carballido.

«Eramos coñecedores de que a lei non estaba da nosa parte» sinala Raquel Fondo, membro non adscrito que se postulaba na moción como representante á Alcaldía, pero «presentámola porque non perdiamos nada, porque tiñamos consenso con toda a oposición e porque os veciños pedían e merecían que o intentásemos para poder liberar o pobo dun dictador». Fondo tamén lamentou o resultado negativo da moción «grazas a que a persoa encargada de darlle paso, que se adiantou e emitiu un informe meses antes de ter o expediente sobre a mesa, o cal deixou en evidencia a transparencia dos procedementos municipais».

A pesar da situación, a oposición mantense firme na súa idea de que o rexedor «non está capacitado para gobernar» e que non accederá «a chantaxes, a mitins improvisados, menosprezos persoais nas sesións plenarias nin a bloqueos de ningún tipo»; agardando que o PSdG tome dunha vez cartas no asunto e retire da alcaldía a unha persoa que “pide tíckets a locais de confianza, desprecia aos propios traballadores do concello e duplica facturas cos empresarios amigos».