A organización do xuízo do Alvia na Cidade da Cultura costará case un millón de euros

1 minutes read

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Vázquez Reboredo, o dispositivo previsto para acoller no edificio CINC da Cidade da Cultura o xuízo oral polo accidente do tren do Alvia producido en xullo de 2013. O xuízo, que comezará o vindeiro 5 de outubro, prolongarase por un prazo estimado de 9 meses e contará con máis dun cento de avogados.

Diego Calvo lembrou que a Xunta seguiu desde o primeiro momento as indicacións do xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela respecto ás súas necesidades para garantir o correcto desenvolvemento de todo o proceso xudicial co obxectivo de prestar os medios requiridos. Deste xeito, a Vicepresidencia Segunda formalizou o pasado xullo a encomenda da xestión e do desenvolvemento do xuízo á Fundación Cidade da Cultura por un importe de case 1 millón de euros.