A orquestra La Fórmula venceu á choiva cun abarrote de público na praza de Vimianzo

1 minutes read

Centenares de persoas chegadas desde diferentes puntos de Galicia déronse cita na noite deste venres para gozar do espectáculo dunha das mellores orquestras do país, La Fórmula. A formación liderada polo archicoñecido Antonio Moreira Arjones, «Peke», nacía en León para estrearse na Xira 2015 co gran obxectivo de converterse nunha das grandes orquestras de Galicia e mesmo a nivel nacional.

Agora mesmo, máis de 6.200 socios do Oficial Club de Fans confirman a fidelidade do público e a conexión total nestas últimas tempadas desde a chegada á formación do propio Peke. E non é cuestión de sorte algunha nin causalidade. Porque detrás dos seus éxitos conseguidos hai un enorme traballo, un espectacular investimento cun importante despregamento de medios técnicos en cada un dos seus directos. E sen esquecerse nunca do gran proxecto musical e artístico no que sempre traballan intensamente para chegar ao público dunha forma especial.

La Fórmula presentou en Vimianzo un dos mellores espectáculos dos últimos anos, cunha posta en escena Brutal no show LA FÓRMULA 1. 16 artistas no escenario e 4 compoñentes de Staff para conseguir a máxima adrenalina e velocidade ao directo máis espectacular. Un público moi entregado, desafiou a unha tímida pero intensa choiva que a partir da media noite foi remitindo aos poucos a medida que o espectáculo musical de La Fórmula alcanzaba o seu clímax do primeiro pase ás 2.30 horas. Sen dúbida unha aposta intelixente e acertada da Comisión de Festas e do propio Concello de Vimianzo.