A Orquestra Panorama fará dobrete esta fin de semana na Costa da Morte

1 minutes read

A Orquestra Panorama é unha das orquestras máis prestixiosas do país, que conquista os escenarios cunha espectacular posta en escena e un amplo repertorio para todos os públicos. A chegada de Manuel Garrido ‘Lito’ á dirección artística da formación, en 1993, supuxo unha auténtica revolución para a verbena, apostando pola innovación no seu espectáculo (onde os bailaríns e outros artistas tomaron un importante protagonismo) e no seu repertorio, así como no que á iluminación e o son se refire.

A pasada tempada cultivou uns resultados excelentes, cunha asistencia de público masiva á maioría das súas actuacións, tendo como colofón o musical Panorama Kids, deseñado para toda a familia e que cada vez ten unha maior demanda. Este ano a cousa vai polo mesmo camiño, fixeron dobrete nas Fallas de Valencia, tamén eran o prato forte das festas da Ascensión en Santiago de Compostela e confirmaron o seu tirón, cunha asistencia ao seu espectáculo dunhas 20.000 persoas. Agora para completar esta tempada quedan unha multitude de datas pechadas xa por todo o territorio nacional.

A Costa da Morte está de parabéns, sobre todo os miles de fans incondicionais que move a formación na comarca. Este venres 16 de xuño estarán presentes nas festas de Suxo, en Muxía, e o sábado 17, está todo preparado para que o seu espectáculo de música, luz e cor brille nas festas do Santo Hadrián en Malpica de Bergantiños, a iniciativa da concellería de Turismo e Festas que representa Alfredo Cañizo Garrido, que polo apelido, ben podería ser curmán do propio director artístico da Panorama.

Promos eventos Suxo e Malpica