As autoridades ordenaron o confinamento de case 3.500 persoas residentes nas zonas próximas ao polígono industrial do Canellón da Gata, en Los Llanos de Aridane. Fixérono ao entrar en combustión unha fábrica de cementos ao contacto coa coada de lava do volcán, o que está a provocar emisión de gases. O director técnico do Plan Especial de Protección fronte a Risco Volcánico de Canarias (Pevolca), Miguel Ángel Morcuende, informou en rolda de prensa que se adoptou esta decisión en tanto se analizan os gases e especificou que o confinamento afecta a entre 2.500 e 3.500 persoas. A área confinada delimítaa o espazo comprendido entre o cruzamento do camiño da Cruz Chica coa estrada LP-2, o cruzamento con Nicolás Brito Pais e a circunvalación ata a rotonda. Este espazo inclúe toda a zona afectada polo incendio forestal do pasado mes de agosto, ata o campo de fútbol del Paso. O Pevolca decidirá agora se continúa ou non o confinamento os próximos días en virtude das análises da calidade do aire.
42