O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e da alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, mantiveron unha reunión este sábado con veciños da parroquia de Freixeiro para presentarlles a nova concentración parcelaria decretada nesta zona. Así, o conselleiro destacou que este proceso permitirá reorganizar a estrutura territorial de case 2.050 hectáreas de superficie, beneficiando 706 titulares e cun orzamento previsto de 6,1 millóns de euros.
Neste senso, José González sinalou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Precisamente, nesta parcelaria veranse beneficiadas desta reorganización territorial 87 explotacións.
Ademais, este municipio coruñés conta xa con 13 procesos de reorganización do territorio -contando o de Freixeiro- que supoñen a reestruturación de 12.270 hectáreas en beneficio de 7.335 veciños. Así, do total de procesos, 11 xa están rematados, 1 en fase de acordo e o novo de Freixeiro.
A parcelaria de Santa Comba forma parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 ata a actualidade. Estas suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Concretamente, na provincia da Coruña foron 7 as decretadas nos concellos de Ordes, Boqueixón, Melide, Padrón, Tordoia, Touro e esta de Santa Comba.