A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames despide o último mes do AmesOn coa actuación da Orquestra París de Noia, que este ano introduce no seu espectáculo 15 minutos de cancións infantís. Ademais, recordará a cantantes de todos os estilos musicais para todos os gustos e idades. Como teloneiros, actuarán as gañadoras da primeira edición do concurso de karaoke “Canta con Ames”.
A París de Noia mostrará un espectáculo moi visual con musicais de Disney, Jennifer López, Queen, Beyonce, ou ABBA entre outros e sen esquecerse das mellores cancións do pop español de todos os tempos. Tamén farán un percorrido pola música en galego máis representativa de artistas autóctonos tan reseñables coma Os Tamara, liderados por Pucho Boedo, ou Xoán Pardo entre outros artistas galegos. Todo isto estará acompañado das performance realizadas polo seu elenco de acróbatas e bailaríns, coa particularidade que define á París de Noia na súa posta en escena con pirotecnia fría, láser, canóns de confetis e inchables.
O evento presentouse este martes no Salón de Plenos da Casa do Concello. Interviron Blas García, alcalde de Ames, Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, e Víctor Fernández, concelleiro de Administración Xeral, Persoal e Urbanismo.
O acceso ao espectáculo habilitarase entre as 20.00 horas e as 21.15 horas pola rúa Agro do Medio (zona Carglass). O venres 3 de setembro non se poderá aparcar dende as 8:00 horas na Rúa Agro do Medio, a cal pechará a circulación ás 15:00 horas. Os peóns poderán acceder ás vivendas ou aos negocios.
A acomodación realizarase por orde de chegada e a distribución de espazo será con asentos separados de xeito individual coa distancia regulamentaria vixente. Non se permite a agrupación de cadeiras.