Camariñas aproba unha EDAR para a parroquia de Xaviña


O Concello de Camariñas aprobou en sesión plenaria os investimentos da segunda fase do Plan Único da Deputación da Coruña por valor de 157.847,58 euros. A parroquia de Xaviña contará cunha EDAR e daráselle traza así unha demanda histórica da veciñanza.

Este punto levouse adiante por unanimidade, cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do goberno local, o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego. En total, o ente provincial aportará ao Concello de Camariñas a través desta liña de investimentos (Plan Único 2021) un total de 583.931,56 euros.

Unido a este proxecto, executaranse tamén os de mellora e humanización no lugar de Mourín e tamén o arranxo das rúas Pías e Liñares, coas súas transversais, en Ponte do Porto.

Polo tanto, levarase a cabo a instalación dunha EDAR no núcleo de Xaviña, que servirá para dar servizo arredor de 250 veciñas e veciños. Posteriormente a isto, levarase a cabo a conexión á rede existente de augas fecais e á rede xeral de pluviais. O funcionamento desta instalación non precisa ningún aporte externo de enerxía, dado que o espazo no que se decidirá instalar a mesma é un dos puntos máis baixos de Xaviña. Circulará, pois, por gravidade aproveitando a enerxía xerada polo desnivel do terreo.

Trátase dun sistema óptimo e natural para a depuración das augas residuais procedentes de pequenos e medianos grupos de poboación, e supón un primeiro paso para, nun futuro, executar conseguintes conexións e dotar a novos núcleos de poboación dun servizo acorde ás necesidades actuais.